Monday 13 de May de 2024

Finalizan as obras de instalación da nova rede de saneamento separativa na rúa Marsella, no barrio da Zapateira


Tras completarse a intervención, os novos colectores pasan a estar conectados coa rede separativa existente no primeiro terzo da rúa Burdeos, mellorando a eficiencia no tratamento de augas residuais domésticas

O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade, completou esta semana os traballos para a disposición das infraestruturas de saneamento no treito da rúa Marsella que está conectado co vial F-Zapateira, un enclave onde non existía rede de saneamento municipal.

As obras, que contaron cun orzamento de 372.029 euros, comezaron en outubro do ano pasado, co obxectivo de executar unha rede separativa de saneamento na rúa Marsella e parte da rúa Burdeos —perpendicular a Marsella—, separando de forma adecuada as augas pluviais e fecais na zona onde se concretou a intervención.

Desta forma, e tras rematarse os traballos, os novos colectores pasan a estar xa conectados coa rede separativa existente no primeiro terzo da rúa Burdeos, dando continuidade ao sistema e mellorando a eficiencia no tratamento de augas residuais domésticas, que anteriormente eran tratadas de forma individual en cada unha das vivendas situadas na zona, sen verquerse a ningunha rede. Ademais, no caso das augas pluviais, ata a finalización desta intervención discorrían pola plataforma da vía en forma de corrente superficial.

Os colectores instalados son de PVC e contan cun diámetro exterior de 315 mm, parámetros que permiten reforzar a seguridade fronte a posibles fugas na rede.

Neste sentido, e dado que a creación da rede de saneamento separativa implicou a demolición do firme no treito afectado polas obras, en paralelo aos avances nos traballos foise levando a cabo a posterior renovación do pavimento, cunha capa de MBC de sete centímetros de espesor. Esta intervención, unha vez que se deixaron pasar os días necesarios para consolidar o aglomerado, rematouse co pintado da vía e tamén coa disposición da correspondente sinalización vertical e horizontal.